Sogama oferta aos concellos adheridos ao seu modelo un curso avanzado de formación en materia de xestión de residuos urbanos
16/09/2015
Linea Verde
info@lineaverdemunicipal.com
O obxectivo é proporcionar unha visión máis ampla da xestión do lixo dentro do actual concepto de economía circular, que ten por obxecto converter os refugallos en recursos de utilidade, garantindo con isto a protección do medio ambiente e propiciando o aforro de custos
Con 50 horas lectivas, o curso, que será gratuíto e realizarase integramente en formato en liña, dará comezo o próximo 1 de outubro e finalizará o 18 de decembro
Ao longo deste período, os alumnos deberán ir superando os distintos test asociados a cada un dos dez temas que o conforman
Os que conclúan satisfactoriamente a formación recibirán, da man de Sogama, o correspondente diploma acreditativo
Sogama oferta aos concellos adheridos ao seu modelo un curso avanzado en liña que, baixo o título A xestión dos residuos urbanos na economía circular, pretende proporcionar unha visión máis ampla e profunda da xestión do lixo dentro do actual concepto de economía circular, que ten por obxecto converter os refugallos en recursos de utilidade, garantindo con isto a protección do medio ambiente e o aforro de custos.
A empresa pública considera que se trata dunha magnífica oportunidade para que alcaldes, concelleiros, técnicos, administrativos, operarios e resto de profesionais poidan complementar os seus coñecementos na xestión sostible do lixo.
Con 50 horas lectivas, o curso, que será gratuíto, comezará o 1 de outubro e finalizará en torno ao 18 de decembro. A través do mesmo preténdese que os representantes municipais tomen conciencia sobre o problema que, a día de hoxe, representa a elevada produción de refugallos, que interioricen a necesidade de levar á práctica o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que dispoñan da información necesaria sobre a actividade de Sogama en Galicia, tanto en relación á súa infraestrutura industrial e loxística, como en relación aos seus programas de comunicación e educación ambiental, e que, en definitiva, adquiran a bagaxe suficiente para influír, desde a súa contorna, nunha nova forma de visualizar os residuos, abrindo a porta a unha xestión máis eficaz e sostible dos mesmos.
Os temas que integrarán esta actuación formativa son:
1.- Os residuos urbanos: cara a un vertido cero.
2.- Construíndo na Unión Europea unha nova sociedade da reciclaxe
3.- Economía circular
4.- O marco normativo dos residuos urbanos
5.- O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020
6.- Traballando por unha Galicia sostible
7.- A cidadanía, clave do cambio (I). Primeiros pasos: Prevención e Reutilización.
8.- A cidadanía, clave do cambio (II). Recollida Selectiva.
9.- Valorización enerxética da fracción non reciclable.
10.- Compostaxe doméstica: vantaxes ambientais, económicas e sociais
Ata o 25 de setembro
Cada tema irá asociado a un test de coñecementos que, en todo caso, deberá ser superado polos usuarios para poder acceder ao seguinte. Os que completen o curso recibirán, da man de Sogama, o correspondente diploma acreditativo.
Os alumnos terán á súa disposición dous titores, cos que poderán interactuar de forma permanente a fin de realizar consultas, despexar dúbidas ou complementar información.
Os datos teóricos nutriranse con diferentes recursos didácticos e divulgativos (audios, vídeos, presentacións, entrevistas, noticias, …) a fin de facilitar a súa comprensión, ademais de facela máis amena e asequible. Así mesmo, contarase cun foro no que se incluirán contidos adicionais de interese, propiciando o intercambio de coñecementos e experiencias, e aportando certo dinamismo no eido da aprendizaxe.
O formato do curso adáptase a calquera equipo informático medio, incluíndo dispositivos móbiles tipo tablet.
As prazas cubriranse por estrita orde de inscrición, dispoñendo os concellos ata o 25 de setembro para comunicar os datos das persoas que participarán na actividade.
http://www.xunta.es/