🎓✨ Efraím Díaz obtén a cualificación de Sobresaínte cum laude na defensa da súa tese de doutoramento ✨🎓
O investigador e docente Efraím Díaz, veciño do concello de Vimianzo, vén de defender con éxito a súa tese de doutoramento, obtendo a máxima cualificación de Sobresaínte cum laude por unanimidade do tribunal 👏📚
📅 A defensa tivo lugar o pasado 16 de xaneiro de 2026 na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, onde presentou a investigación titulada
🎼 Os procesos de mutación e troco na cultura. O pito pastoril na Galicia,
realizada no marco do Programa de Doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, baixo a dirección da Dra. Elena Freire Paz.
A tese analiza o pito pastoril galego como exemplo de patrimonio cultural vivo, poñendo o foco nos procesos de cambio, adaptación e refolklorización. O traballo destaca tamén polo deseño dunha ferramenta metodolóxica para avaliar de forma rigorosa os procesos de mutación e troco cultural, aplicábel a outras manifestacións do patrimonio material e inmaterial 🎶🌱
O tribunal valorou especialmente o rigor científico da investigación, a súa achega metodolóxica e a relevancia do estudo para os ámbitos da cultura, da música tradicional e do patrimonio galego.
Dende o Concello de Vimianzo trasladamos a nosa máis sincera felicitación a Efraím Díaz por este importante logro académico, que supón un motivo de orgullo para o concello e un exemplo de compromiso coa investigación e coa posta en valor da cultura galega 💙