29/03/2018
Línea Verde
info@lineaverdemunicipal.com
O obxectivo común dos seis grupos de traballo reunidos nas últimas semanas é presentar unha diagnose da situación do cambio climático en Galicia e recompilar as posibles suxestións dos principais sectores afectados por este fenómeno
Con estas mesas dáse continuidade ao traballo iniciado pola Xunta no ano 2017 para comezar a redactar a estratexia que marcará as grandes liñas de actuación
En todas as reunións, os expertos coincidiron na necesidade de buscar e establecer vías de colaboración entre todos os actores implicados tanto no eido público, como empresarial e social
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de pechar a segunda rolda de reunións das seis mesas sectoriais constituídas no marco do proceso de elaboración da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, que aspira a ser o instrumento planificador da Xunta de Galicia para o desenvolvemento das súas grandes liñas de actuación na loita fronte a este fenómeno.
Nas últimas semanas convocáronse as seis mesas co obxecto de facer unha primeira diagnose de situación do cambio climático en Galicia desde a perspectiva de cada sector e recompilar as achegas e suxestións dos participantes de cara á redacción do documento, que está previsto que se poida presentar a finais deste ano. Esta iniciativa vén continuar os traballos iniciados pola Xunta en 2017, coa constitución das mesas sectoriais no mes de xuño co fin de implicar ao conxunto da sociedade galega na elaboración desta folla de ruta.
Nesta segunda rolda de xuntanzas sectoriais, os seis grupos coincidiron en destacar a necesidade de atopar sinerxías entre os distintos axentes implicados na loita contra o cambio climático tanto no eido das Administracións públicas, como empresarial ou asociativo. En todo caso, cómpre lembrar que estas mesas están pensadas como parte dun proceso aberto e dinámico, polo que en calquera momento poden enviar á Consellería de Medio Ambiente novas suxestións e achegas.
Polo que respecta ás conclusións de cada mesa, no encontro do sector Forestal, Agrario e Gandeiro, o primeiro convocado, destacouse o potencial dos solos de Galicia para o secuestro de carbono, unha capacidade a potenciar para conseguir un balance 0 de emisións. Os expertos deste colectivo tamén subliñaron que a interacción de diversos elementos que se deu nos últimos incendios forestais en Galicia por mor do cambio climático pode volver producirse.
Na mesa de Enerxía e Industria todos os participantes coincidiron en que a transición a unha economía baixa en carbono é necesaria para loitar contra o cambio climático. Neste sentido, demandaron que a futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía inclúa unha folla de ruta ben definida e con seguridade xurídica, que garanta os investimentos en tecnoloxías baixas en carbono e nas enerxías renovables, asegurando así que o sector industrial e enerxético galego sexa competitivo.
Na mesa de Medio Natural e Biodiversidade debateuse sobre as consecuencias do cambio climático na diversidade biolóxica e dos riscos que entraña para o medio natural, así como a identificación de medidas para garantir a integridade dos ecosistemas e a súa resiliencia, o fomento da conservación da biodiversidade, entre outros. Destacouse a importancia da investigación de cara a coñecer de maneira anticipada os posibles efectos do cambio climático na biodiversidade.
O seguinte sector convocado foi o de Medio Mariño e Pesca, que fixo fincapé na necesidade de maior coordinación entre os diferentes axentes. Entre os retos propostos por esta mesa están a realización dun enfoque sistémico con proxeccións, análise de vulnerabilidades e un plan de seguimento específico para o sector pesqueiro.
Na mesa dedicada ao sector da Mobilidade e Transporte propuxéronse diversas iniciativas para conseguir unha redución das emisións xeradas polos movementos de persoas e mercancías a través de métodos de transporte con baixas ou nulas emisións, ao tempo que se incidiu na necesidade de coordinación entre a planificación das infraestruturas e os plans de mobilidade desde a eficiencia enerxética e dunha aposta pola intermodalidade a través da combinación de diferentes modos de transporte para reducir o uso do vehículo particular.
A última mesa convocada foi a de Territorio e Servizos, na que se subliñaron aspectos como a dispersión, o medio rural e o seu carácter resilente en Galicia fronte aos efectos do cambio climático. Tamén se puxo de manifesto que o modelo territorial actual xera un maior impacto sobre o clima e á vez, é máis vulnerable que o modelo tradicional, motivo polo que se insistiu na necesidade de promover un cambio de mentalidade en toda a sociedade.
Xunta de Galicia
O obxectivo común dos seis grupos de traballo reunidos nas últimas semanas é presentar unha diagnose da situación do cambio climático en Galicia
Cerrar [X]Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies