O mes de febreiro caracterizouse en Galicia por ser o máis frío dos últimos 12 anos e rexistrar moitos días de neve en cotas baixas

08/03/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

O último informe climatolóxico de Meteogalicia conclúe que foi un período lixeiramente húmido, ao contabilizarse un 18% máis de precipitacións do habitual

A inestabilidade da primeira metade do mes contrastou co predominio de xornadas anticiclónicas da segunda quincena, roto unicamente polo paso da borrasca ‘Enma’ e a chegada dunha masa de aire polar os días 27 e 28 de febreiro

Galicia viviu un febreiro moi frío no que se rexistraron numerosas xornadas con neve en cotas baixas e marcado tamén polos contrastes na distribución das precipitacións ao longo do mes. Estas son as principais conclusións do último informe climatolóxico de Meteogalicia, que conclúe que foi o mes de febreiro máis frío dos últimos 12 anos.

En comparación co período de referencia (1981-2010), a temperatura media en febreiro situouse por debaixo do habitual. En canto ás máximas, o promedio foi de 9,6 graos, mentres que polo que respecta ás mínimas a media quedouse en 1,6 graos. Tendo en conta as estacións máis representativas, a anomalía das temperaturas medias situouse en 1,6 graos por debaixo dos valores habituais. Os rexistros máis atípicos, en todo caso, foron os das mínimas, cunha desviación de case 2 graos respecto do dato histórico para este mes.

Polo que respecta ás precipitacións, no conxunto da comunidade choveu un 18% máis do normal o que permite cualificar este período como lixeiramente húmido. En todo caso, a situación diferiu bastante na provincia de Ourense, que rexistrou un déficit hídrico en xeral e particularmente nas comarcas de Valdeorras, Terra de Trives e o sur de Verín, as zonas de Galicia cos valores máis baixos de precipitacións. O extremo contrario deuse nas comarcas lucenses de Ancares e A Fonsagrada, onde choveu ata tres veces máis do habitual.

Cómpre destacar tamén o elevado número de xornadas nas que se rexistrou neve en cotas moi baixas. Unha situación que tivo o seu momento máis extremo nas xornadas do 27 e 28 de febreiro, cando ao paso por Galicia da borrasca Enma sumouse a entrada de aire polar procedente do continente, desencadeando nevaradas incluso a nivel do mar no litoral norte.

Por último, cómpre subliñar que o mes estivo marcado por dous períodos claramente diferenciados desde o punto de vista meteorolóxico. Así, durante a primeira metade a inestabilidade atmosférica foi a tónica predominante, coa entrada de varias borrascas profundas na semana do 12 ao 16 de febreiro. A partir dese momento as protagonistas foron as altas presións, que deixaron en xeral tempo seco e moi soleado, con contrastes de temperaturas moi fortes entre as máximas e as mínimas. 

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies