Medio Ambiente destina máis dun millón de euros á posta en marcha de actuacións para modernizar a xestión dos residuos urbanos cara a economía circular

19/01/2018

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

O Diario Oficial de Galicia licita hoxe un contrato con sete lotes con medidas para executar en 2018 co fin de fomentar a recollida selectiva de biorresiduos, reducir o desperdicio alimentario e sensibilizar á cidadanía en materia de prevención e separación.

Entre as medidas destacan a promoción do uso do compost, o fomento da recollida selectiva entre os grandes produtores e a introdución da prestación de novos servizos nos puntos limpos.

Outro dos eixos principais son as accións para reducir o consumo de bolsas dun só uso, co obxectivo de limitar o impacto negativo no medio ambiente.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe un contrato por máis dun millón de euros para a posta en marcha ao longo de 2018 de medidas e actuacións que melloren e modernicen a xestión dos residuos urbanos e que permitan á Comunidade galega dar un novo paso cara a economía circular.

Diario Oficial de Galicia publica hoxe o contrato para o deseño e execución de actuacións para a mellora da xestión de residuos urbanos durante o ano 2018, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80% no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, e que se divide en sete lotes diferenciados. Estas accións están previstas nalgunhas das liñas estratéxicas do Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, cuxa vixencia se prolonga ata o ano 2022.

As medidas pretenden sentar as bases do cambio cara un modelo intelixente e máis eficiente na xestión de residuos, e no uso dos recursos, permitindo acadar os máis altos niveis de reciclado, reducir o vertido ao mínimo e manter o valor dos produtos e materiais o maior tempo posible dentro da economía.

A xestión dos biorresiduos e a redución do desperdicio alimentario son dous dos piares nos que pivota un bo número de actuacións, que van dende a diagnose da prevención de xeración e do estado das recollidas existentes, a planificación de novas recollidas, xornadas e campañas para a sensibilización cidadá, ou o fomento da implantación do quinto colector no ámbito local.

Farase un especial fincapé entre grandes produtores e os concellos, especialmente en zonas turísticas; sobre todo tendo en conta que a xeración de residuos comerciais achégase a unha media dun 20-25% da xeración total dos residuos municipais. A introdución das recollidas comerciais para grandes produtores preséntase como un instrumento eficaz para mellorar os resultados de recollida selectiva, tanto en cantidade como en calidade, sobre todo da fracción orgánica, aínda que tamén para os envases (cartón, vidro e envases lixeiros).

Novos servizos do puntos limpos

Tal e como establece o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, tamén se traballa en medidas para o fomento da reparación e a reutilización, así como para dotar de novas utilidades e servizos técnicos aos puntos limpos da Comunidade Autónoma.

Unha das medidas será a posta en marcha dunha rede galega de preparación para a reutilización para instaurar unha nova cultura da reutilización e do aforro de recursos materiais, é dicir, articúlase unha rede de establecementos municipais, comerciais e de entidades sociais, para a reparación de aparellos estragados para a súa reutilización.

Neste obxectivo, terán un papel fundamental os puntos limpos de Galicia, fomentando que evolucionen no seu nivel de servizos á cidadanía con actividades para a reutilización dos residuos e tamén como instrumentos de educación ambiental.

Compost

O contrato que hoxe se licita tamén presta atención a posibles actuacións para a promoción do uso do compost, como o fomento da creación dun mercado para este produto, o establecemento das directrices para o bo uso do compost en xardinería, obras públicas e restauración, entre outras.

A fracción orgánica é o fluxo residual con maior peso na bolsa de residuos, a súa correcta separación e reciclaxe consegue obter un compost de calidade que se pode utilizar como fertilizante, reduce os impactos da súa eliminación en vertedoiros e incrementa a recollida selectiva do resto de fraccións.

Bolsas dun só uso

A prohibición das bolsas de plástico dun só uso, tal e como establece a normativa europea e proximamente a normativa estatal, fai necesario o desenvolvemento dunha campaña de sensibilización encamiñada á redución do consumo deste tipo de bolsas e á modificación dos hábitos de uso. O obxectivo é reducir o consumo de bolsas dun só uso e á vez limitar o seu impacto negativo no medio ambiente, incrementando a prevención de residuos.

Esta iniciativa de contratación responde ao compromiso da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de impulsar a economía circular como ferramenta para resolver os retos ambientais e único modelo sostible de progreso e crecemento económico, e que culminará coa publicación da Estratexia de Economía Circular de Galicia nesta lexislatura. Cómpre lembrar que a Comisión Europea xa instalou na axenda ambiental e económica os principios da economía circular, e que xa foron incorporados no PXRUG.

Xunta de Galicia

Actualidade ambiental

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies