A Oficina Técnica da Seca propón declarar a alerta por seca en seis concas da demarcación Galicia-Costa

02/10/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A Oficina Técnica da Seca (OTS) propuxo esta mañá decretar a situación de alerta por seca en seis dos 19 sistemas da bacía hidrográfica Galicia- Costa. Así o explicou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, tras a reunión da OTS, celebrada hoxe e na que se propuxo pasar da situación de prealerta (decretada o 12 de xaneiro) á activación da fase de Alerta, segundo o protocolo de actuación acordado no Plan de Seca para a Demarcación Galicia Costa, para as concas dos río Verdugo, Baíña e Lagares (Sistema 1), dos ríos de Oia, O Rosal, que verten á Costa Atlántica (Sistema 2), para a bacía do río Castro (Sistema 8), do río Xallas e río Cee (Sistema 7), do río Mero e outros ríos que desembocan na ría de Coruña (Sistema 11), e da bacía do río Mandeo e outros ríos que desembocan na ría de Betanzos (Sistema 12).

Ademais, acordouse tamén realizar un especial seguimento ás bacías do Lérez e do Ulla, pese a continuar en prealerta por entender que presentan unha situación desfavorable nos últimos meses, aínda que non foi continuada durante todo o ano hidrolóxico como no caso das que veñen de pasar a alerta.

Tal e como explicou o director, a situación de alerta será efectiva a partir do próximo venres, cando se reúna o Consello Reitor de Augas de Galicia, e aclarou que a razón fundamental desta decisión débese aos baixos niveis dos caudais dos devanditos ríos, que presentan valores por debaixo do 50%, o que as afasta da situación de normalidade en comparación con anos anteriores. Neste punto indicou que se inicia ano hidrolóxico con indicadores por debaixo do habitual nesta época e de aí que se entendese a necesidade de activar a fase de alerta nesas zonas.

Lembrou, que tal e como contempla o protocolo da Seca, aprobado no ano 2013, a partir deste momento será o Consello Reitor, no que están representados todos os axentes implicados na xestión da auga, quen se encargue da xestión da situación de alerta. Contará para elo co apoio da Oficina Técnica da Seca que intensificará os controis e o seguimento. A declaración de alerta nestas zonas significa a protección dos recursos mediante a mellora na xestión e o uso conxunto de augas superficiais e subterráneas, aforros e limitacións do consumo dos grandes sistemas de abastecemento.

O obxectivo da declaración de alerta é garantir o abastecemento á poboación e minimizar os efectos negativos sobre o medio natural, establecendo medidas, de ser o caso, que protexan a flora e a fauna fluvial.

Entre as medidas derivadas da fase de alerta está a intensificación dos controis, que pasarán a ser semanais, incrementar a coordinación entre as distintas administracións implicadas (consellerías, Fegamp e Confederacións Hidrográficas) e establecer contactos continuos cos concellos afectados aos efectos de seguir e avaliar as medidas adoptadas, dado que son administracións locais as que teñen as que ostentan as competencias en materia de abastecemento, polo que desde a Xunta estarase a disposición de asesorar e apoiar tecnicamente no que precisen.

Roberto Rodríguez avanzou que “Augas de Galicia tamén poderá tomar medidas sobre posibles axustes no réxime de explotación dos encoros e dos caudais ecolóxicos dos ríos e proceder á adopción de medidas orientadas á axilización das autorizacións de captacións alternativas que sexan necesarias para paliar posibles efectos da seca nunha determinada poboación.

O director de Augas de Galicia reiterou que o abastecemento á poboación está garantido, aínda que “seguimos apelando, agora máis que nunca, a facer un uso comedido dos recursos”. A colaboración de todos é imprescindible para facer fronte a esta situación.

Xunta de Galicia

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies