Medio Ambiente mellora os sistemas de información sobre a ocupación do solo como unha ferramenta clave para a planificación sustentable e responsable do territorio

20/09/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

Santiago, 20 de setembro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio mellora o acceso á información sobre o nivel de ocupación do solo mediante o incremento da calidade dos datos do Sistema de Información sobre a Ocupación do Solo (SIOSE) con maior nivel de detalle cartografiable e unha redución de dúas a unha hectáreas da superficie mínima de representación en zonas agrícolas e forestais. Esta mellora no SIOSE facilitará ás entidades públicas e privadas, así como á cidadanía en xeral, un mellor coñecemento sobre os ecosistemas terrestres e, por tanto, mellores instrumentos para lograr unha planificación sustentable e responsable cimentada en indicadores de sustentabilidade ambiental, estratexias de xestión en zonas costeiras ou a realización de estudos dinámicos sobre a ocupación do solo.

Deste xeito, a nova base de datos SIOSE14 cumpre cun dos obxectivos do departamento de Medio Ambiente que é facilitar o coñecemento e a información xeográfica e territorial necesaria para apoiar o bo goberno a todos os niveis e, en particular, en relación ao medio ambiente. De aí, a importancia de dispoñer de información actualizada, fiable e de detalle por canto axuda a comprender mellor as forzas que actúan sobre o territorio e a tomar decisións responsables e coherentes coas políticas ambientais e de protección.

Neste senso, a base de datos SIOSE está integrada por 40 coberturas simples e 42 compostas coas que se poden observar os distintos tipos de superficies, os seus usos e as actividades socioeconómicas que se desenvolven neses espazos. En concreto, as coberturas simples permiten ver os cultivos, pastos, arborado forestal, mato, terreos sen vexetación, coberturas húmidas e de auga. Pola contra, as compostas ofrecen unha visión sobre as repoboacións forestais, asentamentos agrícolas e residenciais, urbano mixto, industrial, sector primario, sector terciario, equipamentos, infraestruturas de transportes, enerxéticas, telecomunicacións, abastecemento de augas e xestión de residuos.

En definitiva, a nova base de datos SIOSE14 de Galicia mellora a calidade das bases de datos SIOSE anteriores, correspondentes aos anos 2005, 2009 e 2011, configurando xa unha serie histórica de información sobre ocupación do solo que permite obter estatísticas de cambio de uso entre estas datas e, por conseguinte, avaliar a evolución do territorio na última década. Estes rexistros históricos de uso e cobertura do solo están á disposición dos cidadáns a través deste visor, no cal se pode visualizar e descargar esta información, así como localizar zonas cunha cobertura específica ou consultar a ocupación dun determinado lugar en diferentes datas.

Xunta de Galicia

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies