Augas de Galicia analizará as propostas do Concello de Cerdedo-Cotobade para o saneamento da Longa, Dorna e Vila de Abaixo
23/03/2017
Línea Verde
info@lineaverdemunicipal.com
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o director de Augas de Galicia coñeceron o proxecto de mellora da rede municipal nunha reunión co presidente e vicepresidente da comisión xestora, Jorge Cubela e José Balseiros
Por outra banda, a titular do departamento estudará novas vías de colaboración co executivo local para o acondicionamento e revalorización de zonas de uso común como a praza do Concello, en Cerdedo
Augas de Galicia analizará as propostas da comisión xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade para a mellora da rede municipal de saneamento nas lugares da Longa, Dorna e Vila de Abaixo. Así llo trasladaron a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, ao presidente e vicepresidente da comisión xestora, Jorge Cubela e José Balseiros, durante un encontro que mantiveron en Santiago.
No transcurso da reunión, os representantes locais trasladaron á conselleira as necesidades do concello en materia de saneamento, quen sinalaron como prioritarias as actuacións que se pretenden realizar nas zonas rurais e que suporían unha mellora da calidade de vida dos veciños e da contorna.
Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comprometeuse a estudar novas vías de colaboración co municipio para o acondicionamento e revalorización de zonas de uso común e lecer como é a praza do Concello, situada en Cerdedo. Beatriz Mato trasladou aos responsables locais o compromiso da Xunta pola humanización das vilas galegas, mellorando os contornos urbanos, contribuíndo ao benestar dos veciños e incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade.
Xunta de Galicia