Medio Ambiente inicia o programa de recollida de plásticos agrícolas co que se prevé retirar tres toneladas en 2017 nos 86 concellos adheridos a esta iniciativa

06/03/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A conselleira de Medio Ambiente indica que se valorizará o 100 por cento do material recollido, para destinalo a novos usos, como bolsas de plástico, plásticos para invernadoiro ou fabricación de tubaxes

Beatriz Mato recorda que os plásticos deberán ser entregados polos agricultores e gandeiros nos puntos destinados a tal fin polos 86 concellos participantes nesta edición

Sinala que este programa é un mostra máis de que Galicia avanza cara a economía circular, ao tempo que se fomenta a implantación dunha cultura da reciclaxe no sector agrogandeiro

Dende o ano 2009 en Galicia recolléronse un total de 22 millóns de quilos, grazas a un investimento de 1,8 millóns de euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia a campaña de recollida de plásticos agrícolas xerados en Galicia ao longo de 2017, coa que se prevé recoller tres toneladas deste material. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou esta mañá as instalacións da empresa adxudicataria (Tecnoloxía e Reciclaxe de materiais, SL (Tryma) deste contrato que procesará o plástico principalmente de orixe agrícola dos 86 concellos participantes neste programa de valorización deste tipo de residuos.

Nestas primeiras semanas, a adxudicataria iniciou os traballos de inspeccións para organizar os traballos de recollida no total dos concellos adheridos e realizou un inventariado dos puntos de recollida, así como das necesidades específicas para a recollida deste material co fin de analizar a conformidade dos accesos.

Os plásticos son entregados fundamentalmente por agricultores e gandeiros nos puntos destinados a tal fin polos concellos participantes nesta edición (ao final da nota indícase o listado de concellos), que se prolongará ata finais do actual ano.

En resumo, os agricultores e gandeiros depositan os seus plásticos agrícolas no lugar indicado por cada concello. Os residuos acumulados deberán ser exclusivamente plásticos agrícolas e estes deberán estar o máis limpos posibles e atados ou recollidos de tal xeito que faciliten a súa recollida. Unha vez que as cantidades depositadas no punto fagan necesaria unha retirada, o concello porase en contacto coa empresa adxudicataria.

Con esta iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente aporta unha solución para fomentar a axeitada xestión deste tipo de residuos que, tradicionalmente, adoitaban ser obxecto de vertido ou incineración incontrolada co prexuízo ambiental que isto pode carrexar para a contorna e as paisaxes. Indicou que a valoración material dos plásticos agrícolas recollidos ao abeiro deste programa será dun 100 por cen.

A conselleira de Medio Ambiente sinalou que ao abeiro desta iniciativa, dende o ano 2009, téñense recollido en Galicia 22 millóns de quilos, grazas a un investimento de 1,8 millóns de euros, cunha media anual de 3 toneladas, cifra que esta ano se espera igualar.

Esta actuación é unha manifestación das posibilidades de aproveitamento dos recursos dispoñibles, toda vez que os plásticos retirados serán sometidos a un proceso de valorización material tras o que se obterá outro produto final (granza de polietileno reciclada) que poderá ser novamente empregado na fabricación de novos produtos plásticos ou na elaboración de bolsas de lixo e tubos de polietilenono.

Tamén é unha mostra da necesidade de avanzar cara unha economía circular, tratando de conciliar actividades produtivas e protección do medio ambiente, en particular polo que á xestión de residuos se refire; ao tempo que se fomenta no sector agrogandeiro a implantación dunha cultura da reciclaxe.

Xunta de Galicia

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies