Augas de Galicia activa a situación de prealerta por seca en toda a demarcación Galicia Costa

16/01/2017

Línea Verde

info@lineaverdemunicipal.com

A decisión vén motivada polo baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano

Pese a que os encoros presentan niveis inferiores a outros anos, o abastecemento de auga á poboación está garantido

Recoméndase a todos os organismos públicos e á cidadanía en xeral facer un consumo responsable deste recurso


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de activar a situación de prealerta por posibilidade de seca hidrolóxica en toda a Demarcación Galicia Costa. A decisión foi tomada logo de comprobar o baixo caudal que corre polos ríos respecto do que sería esperable nesta época do ano. Malia a todo, o abastecemento de auga á poboación está garantido e non hai motivo para alarma.

Cómpre salientar que os niveis que presentan os encoros da Demarcación Galicia Costa, aínda que algo inferiores a outros anos, están dentro da normalidade. Igualmente, os actuais caudais dos ríos, pese a estar máis baixos, son suficientes para garantir as demandas de abastecemento dos núcleos que captan directamente deles e carecen de encoros reguladores.

Así e todo, a situación meteorolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos subterráneos) non se recarguen como cabería esperar nesta época do ano e encarar, así, a tempada estival coas maiores reservas de auga posibles.

Ademais, segundo as previsións meteorolóxicas, agárdanse pequenas precipitacións nos vindeiros días, cando o normal é que chova con certa intensidade durante a tempada tradicionalmente máis húmida do ano.

Seguimento e control a través da OTS

Coa activación da situación de prealerta a Administración Hidráulica de Galicia seguirá con atención a evolución dos recursos hídricos da Demarcación e convocará nos próximos días a Oficina Técnica da Seca (OTS), que conta con persoal especializado de todos os departamentos da Xunta con competencias na materia, isto é, MeteoGalicia, a Axencia Galega de Emerxencias, a Consellería do Medio Rural e a propia Augas de Galicia.

Por último, dende a Administración Hidráulica de Galicia recoméndase a todos os organismos públicos e á cidadanía en xeral realizar e promover un consumo de auga responsable.

Xunta de Galicia

Novas

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies