A Xunta de Galicia participa nun proxecto de cooperación internacional para reducir o impacto dos gases fluorados

info@lineaverdemunicipal.com

Este tipo de substancias son empregadas maioritariamente no sector da refrixeración e teñen un elevado impacto no quecemento global, polo que é necesario o desenvolvemento de tecnoloxías para o tratamento das emisións deste tipo de gases

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio forma parte dos 20 socios e asociados do proxecto KET4F-Gas, que conta con un orzamento de 1,7 millóns de euros e está coordinado pola Universidade Nova de Lisboa

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, participa no desenvolvemento dun proxecto de cooperación internacional para reducir o impacto dos gases fluorados. Trátase do proxecto Interreg Sudoe KET4F-Gas, que se desenvolve nas rexións do Sudoeste europeo, co fin de traballar a prol de alternativas que contribúan á redución das emisións de gases efecto invernadoiro.

Representantes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participaron esta semana na xornada de lanzamento deste proxecto, que está coordinado pola Universidade Nova de Lisboa e no que participan 20 entidades de España, Francia, Portugal e Emiratos Árabes, do mundo académico universitario, as empresas, axencias de residuos e medio ambientais e outras entidades públicas. Ten unha duración de tres anos e conta cunha financiación global de 1,7 millóns de euros.

Os gases fluorados (F-gases) son empregados maioritariamente no sector da refrixeración e o aire acondicionado. Trátanse de gases de efecto invernadoiro cun elevado potencial de quecemento global (23.000 veces máis potentes que o CO2 en termos de potencial quecemento global) e unha longa permanencia na atmosfera de ata miles de anos o que incrementa os seus efectos adversos. Nos últimos anos o seu uso aumentou drasticamente, como consecuencia da necesidade de substituír aos clorofluorocarbonos (CFCs), responsables da destrución da capa de ozono.

Por esta razón é preciso o desenvolvemento e implementación de Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (TFEs) para reducir o impacto ambiental dos gases fluorados, así como a investigación sobre alternativas que contribúan á redución das emisións.

Cómpre recordar que a normativa europea neste eido (Reglamento (UE) 517/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de abril de 2014) impulsa a redución do uso dos gases fluorados e promove a recuperación e reutilización destes compostos a partir de residuos a nivel industrial e doméstico así e como a eliminación das emisións nas tarefas de mantemento dos equipos.

O proxecto KET4F-Gas potencia a investigación aplicada e a eco-innovación para protexer o medio ambiente mediante a aplicación das TFEs, permitindo a transferencia tecnolóxica para mellorar da competitividade das empresas na área Sudoe. Os resultados do proxecto de investigación serán beneficiosos para a sociedade, xa que potenciará a súa sensibilización sobre a problemática en cuestión, e sobre os xestores de residuos, administracións públicas e industria, xa que na rexión Sudoe non hai tecnoloxía aplicada nesta área e as empresas teñen unha necesidade clara e inminente de cumprir coa lexislación vixente.

Por último, o programa Interreg Sudoe apoia o desenvolvemento rexional no suroeste de Europa financiando proxectos transnacionales a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O programa promove a cooperación transnacional para resolver problemas comúns ás rexións do suroeste de Europa, como a necesidade de incrementar o investimento en investigación e desenvolvemento e a competitividade das pequenas e medianas empresas, a exposición ao cambio climático e aos riscos ambientais.

Representantes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participaron esta semana na xornada de lanzamento deste proxecto

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies